Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica| Inserción| Programas cooperación
Subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do SNGX (formación e aprendizaxe) - 2023
Código: TR353B
Data de publicación: 13/04/2023
Inicio solicitude: 14/04/2023
Remate solicitude: 15/05/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por finalidade conceder as axudas para a realización de programas de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (etapa de formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes programas de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Descrición da axuda

Consideraranse como gastos de formación profesional para o emprego e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de ser subvencionados:

a) Os gastos derivados da contratación do persoal formador, directivo e de apoio.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) As viaxes ou visitas de carácter didáctico.

d) Gastos de viaxes do persoal formador e directivo do proxecto para asistir a reunións ou xornadas convocadas ou autorizadas, expresamente e por escrito, pola persoa titular da xefatura territorial. O importe subvencionado non excederá do importe das axudas de custo establecidas para o persoal con destino na Administración pública de Galicia do grupo equivalente.

e) Útiles e ferramentas. Serán subvencionables todos os que resulten imprescindibles para o desenvolvemento das prácticas do alumnado e cuxo custo unitario de adquisición sexa inferior a 300,00 euros.

f) Alugamento de elementos de transporte, instalacións, maquinaria e equipamentos, excluído o leasing, que resulten necesarios para a formación do alumnado, cando non dispoña a entidade promotora dos necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

g) Combustible necesario para o funcionamento da maquinaria utilizada polo alumnado.

h) Gastos de elaboración dos carteis oficiais e vestiario axeitado de traballo do persoal participante no programa de emprego.

i) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do programa de emprego durante o funcionamento do proxecto. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quedará exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

j) Gastos de reparación de maquinaria e equipamentos sempre que se produza durante o desenvolvemento do programa de emprego e como consecuencia do uso dado polas persoas participantes nel. Xunto coa xustificación achegarase un informe asinado pola persoa que desempeñe a dirección do programa de emprego en que se acrediten as mencionadas circunstancias.

k) Outros gastos vinculados de forma directa co programa de emprego necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo, que fosen autorizados na resolución de concesión.

O cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno de formación e por módulos:

a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado e contratado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.

b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados.

Para esta convocatoria establécese un importe de 3,91 euros/hora/participante para o módulo A e de 1,10 euros/hora/participante para o módulo B.

A contía dos anteditos módulos é única para toda a duración do proxecto, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio.

O importe do módulo A ten en consideración a relación dun ou dunha docente a xornada completa para cada dez alumnos/alumnas ou fracción. O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnos/alumnas e polo total de horas, 160 horas por mes de duración do proxecto, considerando a xornada completa.

Colectivo obxectivo

Persoas mozas SNGX

Persoas beneficiarias

Os proxectos poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

Modificación bases

Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.