Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación| Inserción

Prazo aberto

Subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro - 2026
Código: TR352A
Data de publicación: 22/07/2026
Inicio solicitude: 23/07/2026
Remate solicitude: 24/08/2026
Entidade promotora: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas, para a realización de servizos de interese xeral e social ,co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Descrición da axuda

Os contratos subvencionables cubrirán os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.

A subvención consistirá nunha contía por cada unha das contratacións, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos seguintes termos.

A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo importe do módulo que corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social da persoa traballadora que se contrate, conforme o establecido no seguinte parágrafo, ou a cantidade prevista no convenio colectivo que resulte de aplicación, de ser esta inferior.

Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes, para contratos de 9 meses e xornada a tempo completo e para contratos de 12 meses e xornada tempo parcial do 75 % (agás mulleres vítimas de violencia de xénero):

a) Módulo A (grupos de cotización da Seguridade Social 1): 26.000,00 €.

b) Módulo B (grupos de cotización da Seguridade Social 2): 23.000,00 €.

c) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 3 a 7): 21.000,00 €.

d) Módulo D (grupos de cotización da Seguridade Social 8 a 10): 17.370,00 €.

No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes, para contratos de 12 meses e xornada a tempo completo:

a) Módulo A (grupos de cotización da Seguridade Social 1): 34.666,67 €..

b) Módulo B (grupos de cotización da Seguridade Social 2): 30.666,67 €.

c) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 3 a 7): 28.000,00 €.

d) Módulo D (grupos de cotización da Seguridade Social 8 a 10): 23.160,00 €.

Só serán subvencionables as contratacións cunha duración de nove meses e xornada a tempo completo, ou as contratacións cunha duración de doce meses e xornada a tempo parcial do 75 %. No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, admítense tamén as contratacións de doce meses e xornada a tempo completo.

Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratada.

Establécense os seguintes límites na contratación de persoas traballadoras desempregadas, en función do número de persoas traballadoras da entidade solicitante, segundo figure no documento da Seguridade Social Informe do cadro medio de traballadores en situación de alta, correspondente ao ano 2025:

a) Entidades con 100 ou máis persoas traballadoras: 8 contratos.

b) Entidades con 75 e ata 99 persoas traballadoras: 5 contratos.

c) Entidades con 50 e ata 74 persoas traballadoras: 4 contratos.

d) Entidades con 25 e ata 49 persoas traballadoras: 3 contratos.

e) Entidades con 10 e ata 24 persoas traballadoras: 2 contratos.

f) Entidades con menos de 10 persoas traballadoras: 1 contrato.

Establécese un límite máximo da contía da subvención por entidade de 210.000,00 €.

Colectivo obxectivo

Mulleres | Persoas desempregadas | Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro que, na data de achega da solicitude, estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en diante, RUEPSS) na categoría de iniciativa social, nas áreas de comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade e cuxa actividade principal estea dirixida directamente, e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción social e laboral das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres.

Deberá figurar no RUEPSS a memoria actualizada das actuacións desenvolvidas no ano 2025 pola entidade solicitante.