Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica| Programas cooperación
Subvencións para os obradoiros duais de emprego
Código: TR353A
Data de publicación: 04/05/2023
Inicio solicitude: 05/05/2023
Remate solicitude: 05/06/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por finalidade conceder as axudas para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, concibidos como programas de formación, práctica profesional e, no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes, para incentivos á contratación en empresas.

Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Descrición da axuda

A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de doce meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

Transcorrido o prazo de duración da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional, valorarase que as entidades promotoras desenvolvan un programa de inserción laboral das persoas participantes nos obradoiros, a través de incentivos á contratación por conta allea durante un mínimo 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.

A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 1 de xullo de 2023. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente.

O cálculo da subvención para custos de formación profesional para o emprego efectuarase por hora/alumno/alumna de formación e por módulos:

a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado e contratado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.

b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados.

Nos contratos formativos que a entidade promotora subscriba co alumnado participante nos obradoiros duais de emprego, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade subvencionará o 100 % do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. Así mesmo, tamén subvencionará a totalidade das cotas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, Fondo de Garantía Salarial e desemprego previstas para os devanditos contratos na súa normativa específica.

A data límite para o inicio das contratacións por conta allea será, con carácter xeral, o 15 de xullo de 2024.

O número máximo de incentivos estará limitado ao número de persoas para as cales se presente un compromiso de solicitude por parte de empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e do ámbito territorial de Galicia.

O obxecto dos incentivos á contratación é promover a inserción laboral das persoas participantes dos obradoiros duais de emprego. No caso de que as entidades promotoras soliciten subvención para incentivos á contratación, deberán publicar unha convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación por conta allea das persoas participantes dos obradoiros duais de emprego, dirixido a empresas para ocupacións do ámbito da formación impartida polos obradoiros duais de emprego.

A contratación laboral terá unha duración dun mínimo de 3 meses a xornada completa, e deberá comezar con carácter xeral nos quince días seguintes á finalización do obradoiro dual de emprego, polo que a publicación da convocatoria deberá ser realizada con suficiente antelación.

No caso de que a entidade promotora achegue compromisos de contratación en empresas que cumpran os requisitos, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade subvencionará un importe fixo de 1.500 € por cada persoa traballadora, correspondente ao contrato mínimo de 3 meses a xornada completa.

Colectivo obxectivo

Persoas desempregadas

Persoas beneficiarias

Os proxectos de obradoiros duais de emprego poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.