Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Conciliación| Programas cooperación
Subvencións para a promoción da igualdade - Programa do Plan Corresponsables no ámbito local - 2023
Código: SI436A
Data de publicación: 08/05/2023
Inicio solicitude: 09/05/2023
Remate solicitude: 08/06/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión  compartida, para o desenvolvemento de programas, actuacións e medidas para facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a prevención e o tratamento da violencia de xénero, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural, así como para consolidar o funcionamento de servizos de atención integral de información e asesoramento ás mulleres no territorio, co fin de lles prestar unha atención e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación sociolaboral ás mulleres, en particular a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou se atopen nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.

En concreto, a finalidade desta axuda é o Programa do Plan Corresponsables no ámbito local.

Descrición da axuda

No programa Plan Corresponsables considéranse subvencionables as actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillas e fillos menores de ata 16 anos de idade mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a través da creación de emprego de calidade no sector dos coidados, e plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.

As actuacións destinaranse ao coidado de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive e con carácter prioritario á atención de familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

Ao abeiro deste programa, serán subvencionables as seguintes tipoloxías de proxectos, desde un enfoque de igualdade entre mulleres e homes:

1. Bolsas de coidado profesional de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos
de idade, coa posibilidade de desenvolver unha ou máis das seguintes modalidades:

a) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos/das profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas,
nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade que poidan prestarse no domicilio por un
número determinado de horas semanais.

b) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos/das profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas,
nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade, que poidan prestarse en dependencias
públicas convenientemente habilitadas para o efecto, tales como escolas, centros municipais, multiúsos, polideportivos, ludotecas, entre outros, cumprindo coas garantías sanitarias, así como coa normativa que lle sexa de aplicación.

2. Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados
aos homes: implementación de plans e actuacións de formación en corresponsabilidade
e coidados destinados aos homes e ás familias, para promover a perspectiva de xénero e
fomentar a corresponsabilidade no ámbito de coidados.

A contía da subvención que se concederá determinarase en función do número de
persoas que se vaian contratar para desenvolver as bolsas de coidado e/ou os plans de
formación.

Para determinar o gasto subvencionable e o importe da subvención, teranse en conta
os custos directos de persoal dos/das profesionais que leven a cabo as medidas do Plan
Corresponsables, máis un 10 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos
vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. Estes gastos non requirirán
unha xustificación adicional.

Contía de ata 34.700,00 euros por persoa contratada a tempo completo para un período de 12 meses, incluídas as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial ou por un período inferior a 12 meses.

A contía da axuda por persoa contratada incrementarase en 3.000,00 euros cando a persoa contratada estea nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

  • Mulleres maiores de 45 anos.
  • Mulleres vítimas de violencia de xénero.
  • Persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

En todo caso, a contía máxima da axuda será de 150.000,00 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 225.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

Colectivo obxectivo

Mulleres | Persoal técnico de apoio | Persoas con discapacidade | Persoas desempregadas longa duración | Persoas maiores 45 anos | Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.

Para poder ser beneficiaria das subvencións correspondentes ao programa de apoio aos CIM, a entidade local ten que ser titular dun centro de información á muller (CIM) acreditado.