Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Inserción| Mellora da empregabilidade
Subvencións para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero
Código: SI451A
Data de publicación: 10/03/2025
Inicio solicitude: 11/03/2025
Remate solicitude: 10/04/2025

Entidade promotora:

Consellería de Política Social e Igualdade

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral, dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral.

Descrición da axuda

Serán subvencionables os programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral. Nestes programas establécese de xeito obrigatorio un obxectivo cuantitativo de inserción laboral das mulleres participantes neles, que será de, polo menos, o 10 % das participantes, que deberán acadar a súa inserción laboral no período subvencionable.

Non obstante, cando a totalidade de mulleres participantes no programa acrediten, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, o obxectivo de inserción será dun 5 %.

Actuacións dos programas:

a) Itinerario de inserción:

1º. Diagnóstico competencial e deseño dun plan de acción personalizado para a busca de emprego para cada participante: entrevista individualizada en profundidade a cada unha das participantes para obter toda a información sobre os recursos de que dispón, a súas aptitudes e actitudes para o emprego, dispoñibilidade horaria, formación e experiencia laboral.

2º. Orientación profesional e asesoramento laboral para o emprego: obradoiros de entrevista, elaboración de currículum vítae, técnicas de busca de emprego e asesoramento formativo.

3º. Busca activa de emprego con acompañamento e seguimento da dita busca, así como seguimento inicial no posto de traballo.

4º. Intermediación laboral e contacto con empresas xestionando as posibles ofertas: confección do perfil laboral das participantes coa finalidade de remitilas ás empresas e cubrir posibles ofertas de emprego.

5º. Asesoramento/apoio na empresa en prácticas profesionais non laborais ou similar.

6º. Prospección de emprego.

7º. Seguimento da inserción nas empresas e avaliación do traballo realizado.

8º. Outras actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero.

b) Formación para o emprego:

Terá a finalidade de formar e capacitar ás participantes para o seu acceso ao emprego,  proporcionándolles unha actualización e mellora das súas competencias profesionais, coñecementos e prácticas, incluídas as accións formativas que teñan como finalidade adquirir as competencias clave, formación lingüística, formación en coaching e/ou intelixencia emocional ou formación relativa ás características da sociedade de acollida no caso de mulleres inmigrantes, así como formación dirixida ao autoemprego e á constitución de cooperativas ou sociedades laborais.

c) Actuacións de apoio á conciliación:

Consistirán na posta a disposición de servizos de atención persoal e/ou familiar, no fogar ou nun recurso comunitario, dirixidos a facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario de inserción socio-laboral segundo a letra a), ou en formación para o emprego segundo a letra b).

d) Bolsas para as participantes no programa:

O obxecto destas bolsas será facilitarlle ás participantes unha axuda económica para compensarlles os gastos nos que poidan incorrer como o transporte, desprazamentos, teléfono, internet, por participar no programa, que incentive a súa participación no mesmo.

Para os efectos desta orde considerarase inserción laboral das mulleres atendidas cando, durante o prazo de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses, ou inicien durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.

Para a determinación do importe das subvencións establécense os seguintes módulos:

a) Módulo para o itinerario de inserción:

Neste módulo, a asignación da subvención será de 21,53 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por persoal técnico con titulación universitaria, titulación superior de Formación Profesional complementada con experiencia profesional e/ou formación especializada ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á titulación referida, respectando, en todo caso, as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión, en todos os postos en que así estea establecido pola normativa legal.

O citado custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase, ata un máximo de 1.147 horas por profesional, para o período subvencionable de 8 meses, que se corresponden coa  dedicación dun/unha profesional a xornada completa. Neste suposto será necesario acreditar durante todo o programa, un número mínimo de 20 mulleres participantes, das cales o 60 % (12) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no seu itinerario de inserción.

Este número de mulleres atendidas previsto nesta orde incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

b) Módulo para accións de formación para o emprego:

Este módulo comporta para o seu desenvolvemento a presenza de monitorado, e/ou titorización no caso de teleformación. A asignación do módulo será de 21,53 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos e indirectos.

Os importes establecidos corresponderán integramente cando teñan dereito á certificación acreditativa pola súa realización un mínimo de cinco participantes. A este respecto, entenderase que xeran dereito a certificado acreditativo da realización da acción formativa as participantes que asistisen, como mínimo, ao 60 % do total das horas de duración da dita acción, ou, no caso de teleformación, que tivesen executado, polo menos, o 60 % dos contidos dentro do período formativo, de ser o caso.

As accións formativas previstas neste módulo de formación para o emprego deberán
ter unha duración mínima de 8 horas, e estaren iniciadas e finalizadas dentro do período
subvencionable.

c) Módulo para medidas de apoio á conciliación:

Este módulo terá una asignación de 16,73 €/hora por servizo de conciliación efectivamente prestado máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos.

d) Módulo para bolsas de participación:

Este módulo terá unha asignación de 50 € ao mes por participante, sempre que acredite
a súa inclusión e participación activa no programa durante un mínimo de 20 días do mes
correspondente.

A entidade beneficiaria realizará o pagamento destas bolsas mensualmente ás participantes, unha vez acreditado o dereito á bolsa segundo o disposto no parágrafo anterior, e con data límite o día 15 do mes seguinte ao que corresponda o aboamento.

Contía das subvencións

A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 80.000 euros.

Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos:

• Entre 100 e 95 puntos: 100 % do gasto subvencionable.

• Entre 94 e 85 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

• Entre 84 e 75 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

• Entre 74 e 65 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

• Entre 64 e 55 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

• Entre 54 e 45 puntos: 50 % do gasto subvencionable.

• Entre 44 e 35 puntos: 40 % do gasto subvencionable.

• Entre 34 e 25 puntos: 30 % do gasto subvencionable.

Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 25 puntos.

As persoas destinatarias finais dos programas regulados nesta orde serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.

Colectivo obxectivo

Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos.