Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Emprego autónomo| Programas cooperación
Subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio - 2023
Código: TR358A
Data de publicación: 24/01/2023
Inicio solicitude: 25/01/2023
Remate solicitude: 24/02/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria de axudas destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas máis representativas de Galicia de persoas traballadoras autónomas, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios, a través do programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.

Tamén ten por finalidade sufragar a contratación ou a prórroga da contratación realizada ao abeiro da convocatoria do ano 2022 se fose o caso, dunha persoa técnica para a realización de funcións de asesoría e apoio directo ás persoas autónomas para a mellora da súa competitividade, integradas nas entidades asociativas máis representativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial que obteñan a subvención da liña 1 desta convocatoria, coa finalidade de apoiar a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios.

Descrición da axuda

Consideraranse gastos subvencionables os indicados a continuación:

Liña 1. Subvención ás entidades asociativas para o seu funcionamento.

a) Serán subvencionables os gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada, realizados no período comprendido entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

b) Consideraranse gastos subvencionables os seguintes gastos xerais:

a.1) Gastos de persoal. Neste concepto só se terán en conta o salario base e as cotizacións sociais, incluídas as pagas extraordinarias.

b.1) Arrendamentos de locais.

c.1) Servizos profesionais independentes.

d.1) Primas de seguros.

e.1) Publicidade e propaganda.

f.1) Material de oficina, fotocopias e imprenta.

g.1) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas, de auga, de limpeza
dos locais e aloxamento e mantemento da web.

h.1) Cotas de subscrición a publicacións e inscrición en actividades e pola pertenza a
outras organizacións autonómicas ou estatais.

i.1) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante, incluídos os gastos de desprazamento e manutención.

A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nestas actividades, non poderá superar o 50 % do seu custo.

j.1) Gastos ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de
actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de
promoción do emprego autónomo en Galicia, en particular o programa de remuda xeracional dos negocios dos autónomos, incluídos, neste suposto, os gastos de desprazamento e
manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención por
participar nestas actividades non poderá superar o 50 % do seu custo.

Liña 2. Subvención para a contratación laboral ou prórroga da contratación dunha
persoa que realice funcións de asesoría e apoio ás persoas autónomas integradas nas
entidades asociativas.

Co obxecto de asesorar e apoiar de maneira directa as persoas autónomas integradas nas entidades asociativas será subvencionable a contratación ou a prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2022 se fose o caso, dunha persoa técnica para a realización desas funcións, durante un período máximo dun ano, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023.

 

Colectivo obxectivo

Persoal técnico de apoio | Persoas traballadoras autónomas

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial cuxo ámbito de actuación  comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non sexa superior ao da Comunidade Autónoma.

Para os efectos deste programa, enténdese por entidade asociativa máis representativa de Galicia de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial aquela que conte con membros en, polo menos, dous sectores económicos entre os da agricultura e pesca, industria, construción e servizos.