Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación| Inserción
Axudas ao mantemento do custo salarial das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego - 2025
Código: TR341M/V
Data de publicación: 20/05/2025
Inicio solicitude: 30/05/2025
Remate solicitude: 30/06/2025

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións aos centros especiais de emprego establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través do Programa III: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego.

O obxecto deste programa é axudar aos CEE para financiar o custo salarial de todas as persoas traballadoras con discapacidade contratadas en centros de traballo do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Descrición da axuda

A integración laboral por medio de centros especiais de emprego vai dirixida a persoas desempregadas ou ocupadas que teñan un grao de discapacidade recoñecido superior ou igual ao 33 %, que teñan un contrato laboral co CEE ou que sexan persoas socias traballadoras, no caso de que o CEE sexa unha cooperativa, e que desempeñen o seu posto de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste programa recóllense dúas liñas de axudas:

a) Liña 1 (TR341M): axuda para financiar os custos salariais durante o período subvencionable do 1 de decembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025.

Para ser subvencionables, os contratos de traballo das persoas con discapacidade deberán cumprir a lexislación vixente e, no caso dos contratos indefinidos, incluíndo os fixo-descontinuos, ter unha prestación de traballo efectivo mínima de dous (2) meses consecutivos.

Para os contratos de traballo de duración determinada a duración mínima será dun (1) mes.

En todo caso, para ser subvencionables, os contratos a tempo parcial deben celebrarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.

Subvencionarase o salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades indicadas na convocatoria, para as persoas con discapacidade contratadas nos centros especiais de emprego que estean de alta na Seguridade Social, de acordo coas seguintes porcentaxes:

Traballadores con especiais dificultades de inserción segundo o establecido: 65 % do SMI.

Resto de traballadores con discapacidade con contratos temporais de duración mínima dun (1) mes: 50 % do SMI.

Resto de traballadores con discapacidade cun contrato indefinido: 50 % do SMI.

A contía máxima por cada centro de traballo solicitante que se poderá conceder será de 2.900.000 €.

b) Liña 2 (TR341V): axuda para financiar os custos salariais realizados durante o período do 1 de decembro de 2023 ata o 30 de novembro de 2024 cuxa solicitude fose desestimada por falta de crédito adecuado e suficiente ao abeiro da Orde do 5 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e procédese á súa convocatoria para a anualidade 2024.

Serán subvencionables os custos salariais das persoas con discapacidade contratadas en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia durante o período subvencionable da convocatoria 2024, que fosen expresamente desestimadas como complementarias e así o acrediten.

Para ser subvencionables, os contratos de traballo das persoas con discapacidade deberán cumprir a lexislación vixente e, no caso dos contratos fixo-descontinuos, ter unha prestación de traballo mínima de dous (2) meses consecutivos.

Para os contratos de traballo de duración determinada previstos no artigo 15 do Estatuto dos traballadores, a duración mínima será de quince (15) días.

Subvencionarase cun importe do 50 % do salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades indicadas no período subvencionado por esta liña 2 para as persoas con discapacidade contratadas nos centros especiais de emprego que estean de alta na Seguridade Social.

Para as persoas con discapacidade que estean incluídas nalgún dos supostos establecidos, subvencionarase cun importe do 60 % do SMI correspondente ás mensualidades indicadas no período subvencionado pola liña 2.

O cálculo da subvención estimarase en función do SMI que estaba en vigor para cada unha das mensualidades subvencionables desde o 1 de decembro 2023 ao 30 novembro 2024.

O importe da subvención incluirá a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ao ano rateadas en doce (12) mensualidades.

Colectivo obxectivo

Persoal técnico de apoio | Persoas con discapacidade

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.

Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto; para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.