Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación
Axudas á creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego - 2026
Código: TR342D
Data de publicación: 17/04/2026
Inicio solicitude: 29/04/2026
Remate solicitude: 29/05/2026
Entidade promotora: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para incentivar a creación de postos de traballo estables e financiar as adaptacións dos postos de traballo que precisen os CEE, no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva, e recolle tres liñas de axudas:

Liña 1. Axuda para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo.

Liña 2. Axuda para a adaptación de postos de traballo.

Liña 3. Axuda para a asistencia técnica.

Descrición da axuda

Liña 1. Creación de postos de traballo estables.

Establécese unha axuda para a creación de postos de traballo de carácter estable, subvencionando:

- A creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade, rexistradas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego.

- A transformación en indefinidos dos contratos temporais.

Para que sexa subvencionable o proxecto de creación, tanto os contratos indefinidos ou as transformacións, como o gasto subvencionable, deberán realizarse nos períodos que indique a convocatoria. Os contratos deben cumprir coa legalidade vixente e, no caso dos contratos fixo-descontinuos, ter unha prestación de traballo mínima de seis (6) meses ao ano. No caso de que os contratos se celebren a tempo parcial, para que sexan subvencionables deberán celebrarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.

O número de postos máximos subvencionables calcularase en función do ano de creación do CEE, da seguinte maneira:

- Durante os cinco (5) primeiros anos desde a creación do CEE: será subvencionable un máximo de 7 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.

- A partir do sexto ano: será subvencionable un máximo de 5 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.

A axuda calcularase en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición, considerándose para os efectos da axuda regulada nesta orde investimento en activo fixo:

a) Acondicionamento de locais de uso exclusivo para o exercicio da actividade no centro especial de emprego cualificado.

b) Adaptación de instalacións do centro de traballo cualificado.

c) Mobiliario do centro de traballo cualificado.

d) Vehículos necesarios para o transporte das persoas traballadoras con discapacidade ao lugar de traballo e para o desenvolvemento da actividade. En ningún caso se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

e) Maquinaria para a extracción ou elaboración dos produtos do centro de traballo cualificado.

f) Utensilios ou ferramentas que se poden usar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria.

g) Equipos e programas informáticos do centro de traballo cualificado, así como a adaptación necesaria para o seu uso polas persoas con discapacidade do persoal polo que reciban esta subvención.

h) Equipos de oficina do centro de traballo cualificado.

i) Adquisición de locais ou terreos para o exercicio da actividade no centro especial de emprego cualificado.

A contía máxima das axudas establecidas neste artigo determínase con base nas seguintes regras:

1ª. Establécese unha contía base de 10.000 € por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral. Para estes efectos, terase en conta a xornada laboral que conste no contrato indefinido ou na transformación.

2ª. Os importes anteriores poderán incrementarse cos seguintes incentivos, acumulables entre si cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Un 25 % se a persoa contratada é unha muller.

b) Un 25 % se a persoa contratada ten unha discapacidade con especiais dificultades de inserción segundo o expresado no artigo 3.2, alíneas a) e b), ou está en situación ou en risco de exclusión social.

c) Un 25 % se a persoa contratada é maior de 45 anos.

d) Un 25 % se a persoa contratada ten a condición de persoa emigrante retornada conforme establece o artigo 3.6.

e) Un 25 % se a persoa é trans.

f) Un 25 % no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural segundo a definición do artigo 3.10.

A contía máxima que se vai a conceder nesta liña de axudas, non superará os 25.000 € por cada posto creado.

Liña 2. Adaptación de postos de traballo.

Establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade de adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola que se solicita a subvención.

A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que será solicitado de oficio polo órgano instrutor.

Para ser subvencionables, os contratos das persoas cuxo posto de traballo se adapte deben cumprir coa lexislación vixente e ter unha prestación de traballo mínima de seis (6) meses. No caso de que os contratos se celebren a tempo parcial, para que sexan subvencionables deberán formalizarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.

A contía máxima desta axuda será de 1.800 € por cada posto adaptado.

Liña 3. Asistencia técnica.

Establécese unha subvención para asistencia técnica prestada por empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional, que poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse, como máximo, en dúas convocatorias.

b) Custos derivados da obtención efectiva das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dunha novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada.

d) Custos derivados dos informes de igualdade e de informes LGTBIQ+.

As axudas por asistencia técnica teñen o límite máximo de 15.000 € por CEE para todas as súas modalidades no seu conxunto.

Os importes subvencionables correspondentes a este programa obteranse aplicando as seguintes porcentaxes, ata o importe máximo establecido para cada liña:

Liñas 1 e 2, de axudas de creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo e de adaptación de postos de traballo os gastos (excluído o IVE ou, se é o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación) serán subvencionables nas seguintes porcentaxes:

a) Para os postos creados/adaptados de persoas con algunha das discapacidades recollidas no artigo 3.2, con independencia da antigüidade e do tipo de CEE: o 100 %.

b) No caso de persoas traballadoras con outro tipo de discapacidades:

i. Para os CEE de iniciativa social, ou e/ou que teñan un número igual ou superior ao 50 % do seu cadro de persoal total composto por persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 3.2, o gasto é subvencionable ata as seguintes porcentaxes:

- Durante os 5 primeiros anos do CEE: o 100 %.

- Do sexto ao décimo ano: o 75 %.

- A partir do décimo primeiro ano: o 70 %.

ii. Para o resto de CEE, as porcentaxes máximas serán os seguintes:

- Durante os 5 primeiros anos do CEE: o 80 %.

- Do sexto ao décimo ano: o 60 %.

- A partir do décimo primeiro ano: o 55 %.

Liña 3, de axudas de asistencia técnica: os gastos (excluído o IVE ou, se é o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación) serán subvencionables nas seguintes porcentaxes:

a) Para os CEE de iniciativa social, ou e/ou que teñan un número igual ou superior ao 50 % do seu cadro de persoal total composto por persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 3.2, o gasto é subvencionable ata as seguintes porcentaxes:

- Durante os 5 primeiros anos do CEE: o 100 % do gasto.

- Do sexto ao décimo ano: o 90 % do gasto.

- A partir do décimo primeiro ano: o 80 % do gasto.

b) No caso do resto de CEE, as porcentaxes máximas serán os seguintes:

- Durante os 5 primeiros anos do CEE: o 80 % do gasto.

- Do sexto ao décimo ano: o 75 % do gasto.

- A partir do décimo primeiro ano: o 65 % do gasto.

Colectivo obxectivo

Persoal técnico de apoio

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.

Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto; para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.