Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións aos custos salariais e da Seguridade Social a cargo da empresa derivados da contratación indefinida das persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, previstos no artigo 43 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, para o desenvolvemento das funcións descritas.
Descrición da axuda
Serán subvencionables as contratacións de interinidade durante o tempo que se substitúa a persoa titular da praza de técnica ou encargada da unidade de apoio, dentro do período subvencionable.
Nos CEE cualificados de iniciativa social ou naqueles que teñan un número igual ou superior ao 50 % do seu cadro de persoal total composto por persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 3.2 das bases reguladoras, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente e, no resto de centros, subvencionarase como máximo o 80 %.
En calquera caso, a contía da subvención non poderá exceder a fixada no convenio colectivo de aplicación para o posto de traballo do persoal traballador da unidade de apoio; estes importes serán como máximo de 1.500 €/mes para o posto de técnico e de 1.200 €/mes para o posto de encargado.
A contía base da subvención establécese en 2.400 €/mes por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 3.2, con contrato por tempo indefinido ou temporal de duración igual ou superior a seis (6) meses a xornada completa.
A axuda reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos das persoas traballadoras con discapacidade sinaladas no parágrafo anterior, cando teñan unha duración inferior ao ano, así como en función da duración da xornada no caso de que o contrato sexa a tempo parcial.
O cálculo da subvención estimarase para todo o período subvencionable, tendo en conta as persoas con discapacidade co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 3.2 que figuren no persoal do CEE no primeiro mes polo que soliciten a subvención. Así mesmo, terase en conta a composición da unidade de apoio nese mesmo mes.
A solicitude inicial poderá incluír aquelas persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade que teñan contratos fixos-descontinuos pero non se encontren nese momento prestando servizos efectivos no CEE, así como aquelas que estean en situación de IT no momento de presentación da solicitude, aínda que estas deberán ser substituídas nos termos establecidos. Con todo, no momento do pagamento final ditaranse as resolucións revogatorias pertinentes polos períodos en que as persoas traballadoras apoiadas non prestasen servizos efectivos.
Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan neste programa os CEE da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran, ademais dos requisitos sinalados, os seguintes:
a) Que formen parte do seu persoal as persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido nas letras a) e b) do artigo 3.2. No caso de contratos a tempo parcial, deberán celebrarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.
b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional, que teñan a composición establecida no artigo 24.
Para ser subvencionables, os contratos das persoas que formen parte da unidade de apoio deben cumprir coa legalidade vixente e ser indefinidos; ademais, a prestación de traballo mínima subvencionable é de seis (6) meses.
As persoas destinatarias finais deste programa serán as persoas traballadoras con discapacidade dos CEE que se atopen nalgún dos supostos que se describen nas letras a) e b) do artigo 3.2.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarios os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.
Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto; para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.