Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Inserción
Axudas ás empresas de inserción: mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social - 2023
Código: TR356A
Data de publicación: 06/02/2023
Inicio solicitude: 07/02/2023
Remate solicitude: 30/09/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

En concreto, esta axuda atende ao Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social.

Descrición da axuda

Este programa ten por obxecto subvencionarlles parcialmente ás empresas de inserción os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social.

Cando a persoa traballadora estea en situación de incapacidade temporal, a subvención referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.

Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social e as empresas de inserción terán que reunir as seguintes características para seren subvencionables:

a) Deberán formalizarse por escrito, axustándose ao disposto na Lei 44/2007, do 13 de decembro, que regula o réxime das empresas de inserción.

b) A súa duración non poderá ser inferior a 6 meses nin superior a 3 anos.

c) A xornada de traballo non poderá ser inferior ao 50 % da establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legalmente establecida.

d) A persoa seleccionada deberá aceptar o itinerario de inserción co contido sinalado no artigo 26 do Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo.

A contía da subvención será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, incluídas as pagas extraordinarias dos meses de decembro e xuño.

Esta contía será proporcional á duración da xornada de traballo.

Para o cálculo da subvención correspondente ás mensualidades xa vencidas na data de presentación da solicitude teranse en conta as persoas traballadoras subvencionables que estivesen efectivamente contratadas no dito período. Para as mensualidades seguintes terase en conta o cadro de persoal do mes en que se presente a solicitude.

Colectivo obxectivo

Empresas de inserción

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades promotoras de empresas de inserción e as empresas de inserción inscritas como tales sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.