Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para os anos 2026 e 2027, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para a realización de programas de formación-emprego Talento mozo dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Descrición da axuda
As axudas e subvencións que conceda a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para cada proxecto incluído no programa de formación-emprego Talento mozo financiado, e que se determinarán na resolución que o aprobe, destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:
a) Os derivados do funcionamento e xestión do programa de formación-emprego.
b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriba co alumnado traballador.
Consideraranse gastos de funcionamento e xestión do programa de formación-emprego Talento mozo, susceptibles de ser subvencionados:
a) Os gastos derivados da contratación do persoal formador, directivo e de apoio.
b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.
c) Amortización de instalacións e equipamentos.
d) As viaxes ou visitas de carácter didáctico.
e) Gastos de viaxes do persoal formador e directivo do proxecto para asistir a reunións ou xornadas convocadas ou autorizadas, expresamente e por escrito, pola persoa titular do departamento territorial.
f) Os materiais de oficina.
g) Útiles e ferramentas.
h) Alugamento de elementos de transporte, de instalacións, de maquinaria e de equipamentos, excluído calquera tipo de alugamento con opción de compra, que resulten necesarios para a formación do alumnado, cando non dispoña a entidade promotora dos necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.
i) Combustible necesario para o funcionamento da maquinaria utilizada polo alumnado.
j) Gastos de elaboración dos carteis oficiais e vestiario axeitado de traballo do persoal participante no programa de formación-emprego.
k) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do programa de formación-emprego durante o funcionamento do proxecto.
l) Gastos de reparación de maquinaria e equipamentos, sempre que se produza durante o desenvolvemento do programa de formación-emprego e como consecuencia do uso dado polas persoas participantes nel.
m) Gastos asociados á adaptación de postos de traballo e/ou axustes razoables precisos para garantir a participación das persoas con discapacidade que non impliquen gastos de investimento non subvencionables de acordo co punto seguinte.
n) Outros gastos vinculados de forma directa co programa de formación-emprego, necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo, que fosen autorizados na resolución de concesión.
O cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno de formación e por módulos:
a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado e contratado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Mecanismo de equidade interxeracional, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.
Só poderán ser imputados con cargo a este módulo os gastos salariais do persoal de apoio cando este persoal dedique o 100 % da súa xornada ao proxecto.
b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados no número 1 do artigo 28 das bases.
Para esta convocatoria establécese un importe de 4,49 euros/hora/participante para o módulo A e de 1,27 euros/hora/participante para o módulo B.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Persoas beneficiarias participantes.
Poderán ser participantes nos programas de formación emprego Talento mozo que se financien ao abeiro desta convocatoria aquelas persoas mozas que, na data de selección do alumnado-traballador, cumpran, como mínimo, as seguintes condicións:
a) Figurar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
b) Ter 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente no Sistema nacional de garantía xuvenil no momento da selección do alumnado, e figurar como inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Manter o cumprimento dos requisitos esixidos na Lei 18/2014, con carácter previo a participar nos programas de formación-emprego.
d) Cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación en alternancia, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao proxecto durante toda a duración deste.
e) Se a formación que se vai impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados profesionais de nivel de cualificación 2 ou 3, garantirase que o perfil do alumnado se adecúe aos requisitos sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.
f) No caso de que a persoa candidata participase con anterioridade noutro programa ou obradoiro dual de emprego, non poderá optar á selección para recibir formación no mesmo certificado profesional, con independencia de que rematase o obradoiro anterior con resultado de superado ou non.
Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.
1. Os proxectos incluídos nos programas de formación-emprego Talento mozo que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade lles corresponda integramente a elas.
Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:
- Concellos limítrofes que conformen unha área xeográficamente continua.
- Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.
- Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior, aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.
2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2025 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2025 deberá ser superior a 100 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos na cal ambos reúnan esa característica.
Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa o resultado da fusión de dous ou máis concellos.
3. As entidades promotoras non poderán presentar máis dunha solicitude; en caso contrario, só se terá en conta a primeira solicitude realizada.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.