Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Prevención riscos laborais
Axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais
Código: TR852A
Data de publicación: 08/02/2023
Inicio solicitude: 09/02/2023
Remate solicitude: 08/03/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas co fin de levar a cabo accións de formación, sensibilización, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia.

Descrición da axuda

As liñas e actividades subvencionables son as seguintes:

Liña 1: formación e actividades de asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial.

As axudas desta liña están destinadas á realización de accións formativas e ás actividades de asesoramento e sensibilización en relación coa normativa de prevención de riscos laborais por parte dos gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral das entidades que resulten beneficiarias.

Liña 2: formación e outras actividades de fomento en materia de prevención de riscos laborais de carácter sectorial.

As axudas desta liña están destinadas a cursos de formación sectoriais, a xornadas de sensibilización de carácter sectorial, á realización de estudos de carácter tamén sectorial e a accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais.

O importe máximo subvencionable está definido por dúas variables:

1. Por entidade:

a) Na liña 1: ningunha entidade beneficiaria poderá percibir unha contía que supere a proporción que lle corresponda en función da súa representatividade o 31 de decembro do ano 2022 e, en todo caso, non poderá superar os 460.000,00 euros. No caso de existiren remanentes, estes serán redistribuídos ata esgotar o orzamento existente, tendo en conta a representatividade relativa, que resulta de dividir a representatividade da cada entidade, en cada subliña, entre a suma das representatividades das entidades beneficiarias.

b) Na liña 2: o importe máximo por solicitude non poderá superar os 30.000,00 euros.

2. Por actividade:

a) Nas liñas 1 e 2: o importe máximo de cada curso non poderá exceder o importe resultante de multiplicar 160,00 euros polo número total de horas impartidas.

b) Nas liñas 1 e 2: o importe máximo subvencionable por cada xornada de sensibilización será de 1.500,00 euros.

c) Na liña 2: o importe máximo subvencionable por estudo será de 10.000,00 euros. Subvencionarase un único estudo por entidade.

As entidades solicitantes poderán executar as actividades formativas obxecto da axuda en modalidade presencial, teleformación, aula virtual (que seguirá tendo a consideración de formación presencial) ou modalidade mixta.

Exixirase un mínimo de 15 persoas asistentes ás actividades formativas, sectoriais e intersectoriais.

En casos excepcionais, debidamente motivados, a Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá autorizar a realización destas accións cun menor número de asistentes, en todo caso non menor de oito. Esta autorización será solicitada pola entidade beneficiaria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O número máximo de cursos que poden ser realizados con menos de 15 participantes non poderá ser superior ao 15% dos cursos que se consideren subvencionables na resolución de concesión de cada entidade. No suposto de superarse esta porcentaxe, os ditos cursos non percibirán a subvención que lles correspondería.

Durante a execución da actividade non se permitirá a ausencia de cada participante a máis dun 20% do tempo total de duración desta. No caso de que a acción se desenvolva por módulos, non se permitirán ausencias de máis dun 10% en ningún dos módulos.

Nas accións formativas impartidas na modalidade de teleformación, a porcentaxe necesaria de realización periódica que debe realizar o alumnado para que se considere que cumpre os requisitos de asistencia é dun 80% dos controis periódicos de seguimento da súa aprendizaxe, con independencia das horas de conexión.

As accións formativas propostas e os gastos que deriven delas, que se detallarán no anexo II, poderanse realizar desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023.

Os gastos derivados de persoal adscrito aos gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral, incluído o persoal de xestión administrativa, coordinación e dirección técnica, poderanse imputar desde o 1 de novembro de 2022 ata o 31 de outubro de 2023.

Colectivo obxectivo

Empresas | Persoas traballadoras por conta allea

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias da liña 1:

As asociacións sindicais intersectoriais e as asociacións empresariais intersectoriais.

Poderán ser beneficiarias da liña 2:

As asociacións empresariais galegas sectoriais.

As organizacións sindicais con representatividade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial. No caso das organizacións sindicais intersectoriais poderase presentar un máximo de dúas (2) solicitudes por organización.

As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomos/as rexistradas que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.