Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para a posta en marcha de programas de estadías formativas para persoas mozas en empresas ou entidades públicas ou privadas, vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia.
A finalidade destes programas é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no SNGX, non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo.
Descrición da axuda
As persoas mozas que formen parte dos programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na empresa deberán cumprir os seguintes requisitos na data en que a entidade beneficiaria da subvención realice a súa selección:
a) Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX, de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.
b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na empresa das entidades beneficiarias da subvención deberán respectar as seguintes 3 fases:
a) Organización e planificación: inclúe a convocatoria para a selección das persoas mozas participantes, que será obxecto de publicidade, o proceso selectivo e a preparación en competencias laborais, busca das empresas ou entidades en que se desenvolvan as estadías.
As empresas ou entidades en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia e estar vinculadas aos sectores económicos estratéxicos para a nosa comunidade, tal e como se define na Orde.
b) Execución e seguimento das actividades: realización das estadías formativas nas empresas/entidades seleccionadas e seguimento durante a súa realización, titorización das estadías e realización de itinerarios personalizados de inserción das persoas participantes.
c) Avaliación e seguimento posterior á realización das estadías formativas: inclúe a avaliación dos resultados de aprendizaxe obtidos polas persoas participantes durante a actividade que suporá a realización como mínimo dunha xornada de orientación laboral co fin de facilitar a súa inserción laboral, antes do vencemento do prazo de xustificación da subvención. Seguimento e apoio ás persoas participantes, por un período mínimo de 6 meses unha vez finalizadas as estadías.
Os programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na empresa deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes.
b) O período de realización de estadías formativas nas entidades ou empresas será de 3 meses consecutivos, agás causa xustificada, motivada por escrito.
c) As estadías formativas poderán comezar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta e rematado o proceso de selección das persoas mozas participantes. Deberán finalizar, como data límite, o 31 de outubro de 2023.
d) As horas formativas nas entidades ou empresas en que se realicen as estadías terán unha duración mínima de 100 horas mensuais e un mínimo de catro días semanais.
e) Os programas presentados deberán contar cun plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas, que se poderán impartir en modalidade presencial, teleformación ou mixta. O plan formativo será desenvolto e impartido pola entidade beneficiaria da subvención.
Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento dos programas.
O período de subvencionabilidade dos ditos gastos será desde o día seguinte ao da publicación das bases reguladoras ata o 20 novembro de 2023.
En todo caso, o importe máximo da axuda que se concederá a cada entidade beneficiaria establécese en 120.000 €.
Serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal:
a) As retribucións salariais brutas totais do persoal de nova contratación incorporado cunha dedicación do 100 % ao programa, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade contratante.
b) As retribucións salariais brutas totais do persoal propio da entidade, sen limitación porcentual, correspondentes ao tempo efectivo dedicado á execución das actividades descritas no artigo anterior, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.
c) No caso de contratación mercantil para a realización de actividades de formación, serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal sexa necesario para o desenvolvemento da actividade subvencionada, e o custo pola súa contratación estea claramente identificado e detallado na factura.
Serán subvencionables en concepto doutros custos directos:
a) A elaboración e deseño de materiais e guías formativas.
b) A organización das estadías e as actividades formativas e visitas a empresas.
c) Os gastos de publicidade para a organización e difusión da actividade subvencionada.
d) Os gastos de seguros destinados a cubriren continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada.
e) Os gastos de transporte e axudas de custo por desprazamentos das persoas mozas participantes e das persoas titoras e responsables do programa.
Serán subvencionables en concepto de custos indirectos os gastos correntes que non se corresponden en exclusiva coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento, como gastos en bens consumibles e en material funxible, comunicacións, gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).
Adicionalmente, os salarios e indemnizacións aboados ás persoas mozas participantes terán a consideración de custo subvencionable adicional non incluído no tipo fixo, polo que serán subvencionables, de forma independente ao resto de conceptos e aboadas a custo real as bolsas de formación outorgadas ás persoas mozas participantes en concepto de salario ou indemnización.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións:
a) As entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da mocidade e/ou do emprego, e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.
b) Os concellos galegos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.