Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas destinadas ao financiamento de accións de fomento do emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro definidas, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas, para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Descrición da axuda
Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Seren prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.
c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa dunha duración de nove meses e xornada a tempo completo, ou de doce meses e xornada a tempo parcial do 75 %. No caso de contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, a axuda pode estenderse ata os doce meses a xornada completa, e deberá iniciarse dentro do exercicio de 2025.
e) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria.
f) Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.
g) Tendo en conta a súa natureza e finalidade, estes contratos non poderán realizarse baixo a modalidade de teletraballo ou traballo a distancia, de acordo coa Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.
Considérase que os servizos se desenvolven no marco de proxectos singulares se son promovidos por entidades que cumpran, como mínimo, unha das seguintes condicións:
a) Prestar servizos a entidades prestadoras de servizos sociais, no ámbito autonómico (federacións e confederacións, segundo a súa inscrición no Rexistro de Asociacións de Galicia ou estatal).
b) Prestar servizos a colectivos de máis dunha área de actuación (RUEPSS), no ámbito autonómico.
c) Prestar servizos a persoas con discapacidade, inclusión, en risco de exclusión social, comunidade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, e ter 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal.
En todo caso, será a entidade solicitante a que opte por un proxecto ordinario ou un proxecto singular na súa solicitude.
Os contratos subvencionables cubrirán os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.
A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar.
A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social da persoa traballadora que se contrate, ou a cantidade prevista no convenio colectivo que resulte de aplicación, de ser esta inferior.
Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes, para contratos de 9 meses e xornada a tempo completo e para contratos de 12 meses e xornada tempo parcial do 75 % (agás mulleres vítima de violencia de xénero):
a) Módulo A (grupos de cotización da Seguridade Social 1 ao 2): 26.000 €.
b) Módulo B (grupos de cotización da Seguridade Social 3 ao 7): 21.000 €.
c) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 8 ao 10): 17.000 €.
No caso de mulleres vítima de violencia de xénero, os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes, para contratos de 12 meses e xornada a tempo completo:
a) Módulo A (grupos de cotización da Seguridade Social 1 ao 2): 34.666 €.
b) Módulo B (grupos de cotización da Seguridade Social 3 ao 7): 28.000 €.
c) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 8 ao 10): 22.666 €.
Esta regulación é coherente coa normativa no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados, e ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas ás entidades beneficiarias.
So serán subvencionables as contratacións cunha duración de nove meses e xornada a tempo completo, ou as contratacións cunha duración de doce meses e xornada a tempo parcial do 75 %. No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, admítense tamén as contratacións de doce meses e xornada a tempo completo.
Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratada, que reúna os requisitos para percibila.
Establécense como límites á contratación de persoas traballadoras, en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, agás no caso de entidades con proxectos singulares, os seguintes:
a) Entidades con proxectos singulares: máximo oito contratos.
b) Entidades de ámbito autonómico con tres ou máis centros de traballo, inscritos no RUEPSS e localizados en dúas ou más provincias da Comunidade Autónoma de Galicia: máximo cinco contratos.
c) Entidades de ámbito autonómico que non cumpran os criterios da alínea b): máximo tres contratos.
d) Entidades de ámbito provincial con tres ou máis centros de traballo: máximo tres contratos.
e) Entidades de ámbito provincial que non cumpra os criterios da alínea d), máximo dous contratos.
f) Entidades de ámbito comarcal ou municipal: máximo dous contratos.
Establécese un límite máximo da contía da subvención por entidade de 210.000 €.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro que, na data de achega da solicitude, estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en adiante, RUEPSS) na categoría de iniciativa social, nas áreas de comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade e cuxa actividade principal estea dirixida directamente, e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción social e laboral das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.