Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Programas cooperación
Subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio - 2024
Código: TR352B
Data de publicación: 24/09/2024
Inicio solicitude: 25/09/2024
Remate solicitude: 24/10/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais, para a contratación nesta convocatoria do ano 2024, ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2023, de axentes de emprego e unidades de apoio.

As persoas contratadas ao abeiro destas axudas colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, consonte os colectivos indicados no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Para o adecuado exercicio das funcións e actividades das persoas contratadas como axentes de emprego, poderán contar coa axuda e asistencia de unidades de apoio de carácter administrativo, que serán coordinadas por aqueles.

Descrición da axuda

As persoas contratadas como axentes de emprego, na súa colaboración na implantación das políticas activas de emprego, realizarán, entre outras, as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles persoas emprendedoras.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral e, en especial, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, co fin de mellorar a súa empregabilidade.

c) Desenvolvemento, avaliación e execución de programas de acción encamiñados a favorecer a igualdade de oportunidades e a discriminación positiva dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

d) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira destes.

e) Apoio ás persoas promotoras de empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoas tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados, para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

f) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de emprego, a actividade empresarial e a inserción laboral dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

As persoas contratadas como unidades de apoio colaborarán cos axentes de emprego no desenvolvemento das súas funcións.

A subvención que percibirán as entidades beneficiarias consistirá nunha contía calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas axentes de emprego e unidades de apoio que se van contratar nos termos previstos no parágrafo seguinte.

A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses e polo importe do módulo C no caso de axentes de emprego, e do módulo B para as unidades de apoio, conforme a seguinte escala:

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias -por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM- e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 2 ao 1, ambos incluídos. A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias -por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM- e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 8 ao 3, ambos incluídos.

A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.

Para calcular a contía correspondente aos custos de Seguridade Social, o tipo de cotización aplicable será o que se corresponda coa ocupación A.

O salario que percibirán as persoas contratadas como axentes de emprego ou unidades de apoio será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será segundo a súa categoría profesional e titulación.

A subvención prevista nesta Orde será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

As subvencións previstas nesta Orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

Colectivo obxectivo

Persoal técnico de apoio

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, e que estean a desenvolver actividades de promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local.

As ditas entidades, para poderen ser beneficiarias destas axudas, necesariamente deben estar adheridas á Rede Xatemprego para o uso da aplicación web na xestión de actividades vinculadas á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local, na cal deberán rexistrar todas as actividades e proxectos desenvolvidos ao abeiro destas axudas.

Para as entidades que, a raíz desta convocatoria, obteñan por primeira vez contratacións subvencionadas de axentes de emprego e/ou unidades de apoio, o período temporal para solicitar a súa adhesión á Rede Xatemprego remata no prazo máximo dun (1) mes desde a notificación da resolución de concesión da subvención.