Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica| Inserción
Subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) - 2024
Código: TR351G
Data de publicación: 24/01/2024
Inicio solicitude: 25/01/2024
Remate solicitude: 26/02/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Descrición da axuda

As obras ou os servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa, e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favorezan a formación e prácticas profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa igual ou superior a 9 meses.

e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.

f) As contratacións que se realicen non poderán ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na relación de postos de traballo da entidade beneficiaria.

A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para os grupos de cotización 1 e 2: 24.937,50 €.

Para os grupos de cotización 3 a 7: 19.950,00 €.

Para os grupos de cotización 8 a 10: 16.107,79 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

Colectivo obxectivo

Persoas en risco de exclusión

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios os concellos rurais, sempre que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos. Considérase concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada no nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística.

Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.