Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Emprego autónomo
Subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio - 2024
Código: TR358A
Data de publicación: 25/01/2024
Inicio solicitude: 26/01/2024
Remate solicitude: 26/02/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das axudas destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas máis representativas de Galicia de persoas traballadoras autónomas, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios, a través do programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.

Para os efectos deste programa, enténdese por entidade asociativa máis representativa de Galicia de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial aquela que conte con membros en, polo menos, dous sectores económicos entre os da agricultura e pesca, industria, construción e servizos.

Descrición da axuda

Liña 1. Subvención ás entidades asociativas para o seu funcionamento.

Consideraranse gastos subvencionables os seguintes gastos xerais:

a.1) Gastos de persoal. Neste concepto só se terán en conta o salario base e as cotizacións sociais, incluídas as pagas extraordinarias.

b.1) Arrendamentos de locais.

c.1) Servizos profesionais independentes.

d.1) Primas de seguros.

e.1) Publicidade e propaganda.

f.1) Material de oficina, fotocopias e imprenta.

g.1) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas, de auga, de limpeza dos locais e aloxamento e mantemento da web.

h.1) Cotas de subscrición a publicacións e inscrición en actividades, e pola pertenza a outras organizacións autonómicas ou estatais.

i.1) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante, incluídos os gastos de desprazamento e manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención por participar nestas actividades non poderá superar o 50 % do seu custo.

j.1) Gastos ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción do emprego autónomo en Galicia. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención por participar nestas actividades non poderá superar o 50 % do seu custo.

k.1) Gastos de arrendamento financeiro sen opción de compra (renting).

Poderase subvencionar ata o 90 % dos gastos subvencionables e, en todo caso, o 10 % restante será por conta da entidade beneficiaria.

A contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 65.000 €.

Liña 2. Subvención para a contratación laboral ou prórroga da contratación dunha persoa que realice funcións de asesoría e apoio ás persoas autónomas integradas nas entidades asociativas.

Co obxecto de asesorar e apoiar de maneira directa as persoas autónomas integradas nas entidades asociativas será subvencionable a contratación ou a prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2023, se for o caso, dunha persoa técnica para a realización desas funcións, durante un período máximo dun ano, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024, para as entidades asociativas que obtivesen a subvención da liña 1 desta convocatoria.

A contía da subvención será, para os efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, ata un máximo de doce (12) mensualidades, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, da persoa que se vai contratar, ou da prórroga, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude, e acorde coa súa categoría profesional.

A contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 32.108,92 € para contratos de xornada a tempo completo e duración dun ano de período subvencionable.

O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial. No caso de xornada a tempo parcial, esta non pode ser inferior ao 50 %.

Colectivo obxectivo

Entidades sen ánimo de lucro | Persoal técnico de apoio

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial cuxo ámbito de actuación comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non sexa superior ao da Comunidade Autónoma.