Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Inserción| Programas cooperación
Subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural)
Código: TR351G
Data de publicación: 01/02/2023
Inicio solicitude: 02/02/2023
Remate solicitude: 01/03/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Descrición da axuda

As obras ou os servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e prácticas profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 9 meses.

e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.

A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para os efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 20.250 €.

Para o grupo de cotización 2: 16.500 €.

Para o grupo de cotización 3: 15.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 14.250 €.

Para os grupos de cotización comprendidos entre o 5 e o 10: 13.970 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente.

Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e os complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Colectivo obxectivo

Persoas desempregadas

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos rurais sempre que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos. Considérase concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística.

Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos, agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.